Lugo Castellano  Galego  

A RAXEIRA

xente á mira

nin o merco nin me perdo nel xa que logo...

14/06/2006

O veciño, supoño, que asina " rueiro", mídeme a opinión, o que expoño que iso pretende ser e non " opinante" como dicía Unamuno,pois ben, nada determinista, mándame mercar un bosque e perderme nel e eu, logo de lelo, que se me falase escoitariao ( non sei se el faría outro tanto), vou e digo que " nin o merco, nin me perdo nel xa que logo...". Está moi claro.O veciño, quizabes algún día amigo, que eu deixo a porta aberta,non sei que lle pasa para despacharme así polo que expoño con toda fe e crencia e sen ánimo de vencer a nada, nin a ninguén, quizabes, aínda que a el non lle guste, si pretendo convencer, aínda que tampouco quero ser un predicador de nada, pois a ninguén pretendo meter polo rego do que eu creo e penso, pero si estou no absoluto DEBER de dicir o que penso e quero, pois para iso están estas portas abertas ( máis que ventás, pois estas son propias de estados reféns). O veciño " rueiro" pode ( eu non llo nego) dicir, escribir, que fixo, pero debese pensar no ton que se le ( ou que se escoitaría) e así poida que se decate que un non é coma outro e este non é coma min.Eu non nego a ninguén. Non o invito a mercar nada para que un asunto público se volva privado ( ou de capricho). Eu non atento a ningunha convivencia por declararme galego de idioma e de nación, de identidade xa que logo e de expoñer o que me gustaría e creo que serve para maior felicidade ( non disfrute soamenete) de todos e non duns poucos que fan chiste da desgraza do que quere ser libre e privilexio da dobrez de lombo do submisó. Confunde. Non mande a ninguén mercar para facer. Facer faise no de tod@s. No noso ( de tod@s e meu). Eu para expresar e vivir quen son non teño que me perder. Non teño que ser anónimo. Non teño que acubillar noutro e agardar a mellores tempos.Sempre e por sorte gocei de "mestres" que me orientaron e que, dende a responsabilidade absoluta e do respecto, me facilitaron o traxecto do meu (noso) proxecto de dignidade.Non vou mercar nada, e menos un bosque, pois o osíxeno fai falla para todos e eu, que podería mercalo, pois sóbranme medios para iso, nunca o farei en réxime de parcela privada con garda de seguridade para que me atalle calquera que me queira contrastar ou debatir. Eu non son propiedade privada. Nin couto.Nin chamo ao guindastre por un quítame de aí o coche que me estorba cando o meu está fóra coma o del. Non me perdo, non quero perderme, quero participar,aínda que discrepe, que iso non é ir á guerra. Quero estar ao lado, brazo a brazo, coa miña voz e dende quen son, alma de aldea da igrexa de Xesús Cristo liberador. Eu non mando ao inferno. Nin a ninguén que se merque a xubilación con plans exclusivos. Tampouco quero que se perda ninguén coas súas ideas. Velaí a miña man coma outra. Sempre en nome de Deus ( e non en van coma outr@s).Seguirei.

http://lugo.cidadans.net/TERREBOREDO/2006/06/14/nin-o-merco-nin-me-perdo-nel-xa-que-logo/
5 Comentarios - Enviar comentario

XA NON É...NON É QUE NON

12/06/2006

Velaí que un galego de Galiza me fai unha emenda polo uso do idioma en Lugo e en todo o territorio que abrangue a condición galega, identidade nacional, que non é un invento e si unha realidade transitabel, palpabel e boa de entender e mellor de vivir. Nós temos un idioma que non é unha abstracción. Non é un ha proposta fría e teórica de filólogos, nin de académicos. Velaí está que ese idioma ( o galego) corresponde fielmente a un pobo que pensou e que puxo nomes, que falou ( e agora ten dúbidas). E iso fíxoo ( e debe facelo)nun territorio e dende esa así é pobo do galego para todos os anos que o Planeta exista, salvo unha desaparición intencionada, ataque ou colonización absoluta que nos meta na nada ( cousa imposibel diría eu). Pois ben. Velaí un idioma que corresponde ao medio no que vive, aos feitos e á alma, ao pensamento e mais ao sentimento.Se é... está. Quen o fala... por ser... está determinado ( e non por aprobalo... ou simplemente por aprendelo para se comunicar... connosco, que iso é marabilloso sen a menor dúbida, marabilloso, de quitar a gorra, repito, marabilloso que rime en obriga con respectuoso, pois dicir NÓS non é dicir NON aos outros, para nada). Por tanto respecto mal entendido nós non podemos ver como o noso idioma esmorece, enfeblece, vaise, mesmo derrétese, para que o seu lugar o colla aquí en Galiza outro idioma que moi pouco ou nada ten que ver coa nosa vida, co noso pensamento, co noso sentimento matrio e patrio, básico e de peito.Repito... hai idiopmas de aprendizaxe, de oportunidade comunicativa, como o español, o catalá ou o euskara, o protugués, o inglés...etc e hai un que nos define galegos, de identidade, de urxente instalación aquí, no noso territorio ( Lugo tamén claro), que é a Lingua Galega do pobo do galego. Este idioma é consubstancial a nós, carne e alma,espíritu, letra e música,pan e compango orixinario, matricial, de peito. Sen el eu non me poido dicir GALEG@.Direime outra cousa a que se queira pacificamente. Quen non acepta o seu idioma natural, propio, materno, que non fale del para convencer sobre el. Eu respecto moito o idoma español ( castelán) pero non é o meu idioma de identidade. O español ( castelán) coma outros é para min un idioma necesario de relación, de comunicación.Pois...que tradición da miña Cultura e pobo teñen as súas palabras? Quen me queira contestar que o faga e xa verei se concordo ou non, pero que por querer e defender que se fale o meu idioma en Galiza, no meu pobo e na miña cultura, ninguén me pode insinuar siquera a mínima pegada de xenofobia. Os idomas, como as Culturas, son creacións humanas, colectivas dos pobos, e iso vai á misa e hai que respectalo. Introducir outras condicións é ganas de faltar. Unha cousa son as relacións, as convivencias, os códigos de circulación para facer as realidades transitabeis e sostibeis, os demáis idiomas ( non o meu) sérvenme para estabelecer azos e puntos de comuñón. As fronteiras non debesen existir se de verdade houbese respecto polas diferenzas. Así eu sabería de ti e ti de min.NÓS DE VÓS E VÓS DE NÓS. Non hai que vencer a ninguén, a ninguén se de verdade houbese o recoñecemento real e natural, de identidade. O demáis, esas discusións de se un é máis có outro, ou se eu si pero..., iso ao meu ver son disculpas ( ou medos) para non ter a humildade do orgullo por ser ( neste caso galeg@). Non hai máis cera no altar e arde a que arde.

http://lugo.cidadans.net/TERREBOREDO/2006/06/12/xa-non-enon-e-que-non/
1 Comentario - Enviar comentario

ADIANTE E SEN PERDA DE TEMPO

11/06/2006

Nestes blogs e noutros, en máis lugares, tod@s quen o sintan e se sintan debemos dar mostras e poñer á mira o que somos por corazón e identidade. Non escapemos polas pólas, nin esteamos en tantos encrucillamentos, adiante co que queremos, así mesmo pois co que somos e que todo teña o que debe desde alimpeza e maila coherencia.Lugo é unha cidade galega, moito, referente de conservación, non de conservadurismo inmobilista, que isto é fariña doutra maquía,repito que Lugo e unha cidade galega, referente, e iso ten que establecerse na mira dos demáis, na dos da casa, para estimular o proceso, pois nel andamos, de normalización social ( que engloba a todo ooutro).Lugo aos galegos e ás gañegas non pode explicarse en español ( aínda que si, que si é ben certo que para os doutros lugares debemos habilitar códigos de comunicación e mesmo de unión de diferencias, recursos, idiomas de relación, pero sen perder un tanto así do noso, o galego, de obrigada instalación, pois @ galeg@ que non observe o uso da súa Lingua, do seu Idioma, está contravindo a lei natural do pobo, da comunidade, da nazón, da universalidade, si, desa que se constrúe plural dende a singularidade, dende as diferencias.Poido dicir que Galiza, pasando o Deza cara ao leste, Ovieu, León,etc., ten unha característica definitoria de purísima identidade de nós. O da parte de alá cara ao mar xa vai en costa abaixo, perdéndose, como así lles pasa aos irmáns portugueses pasado Coímbra cara abaixo. Estamos nun solar, dinnos, por mor dese cacaraxeda " progreso". A mestizaxe é unha moda, un invento, a irmandade dos pobos unha verdade innegabel.O mesmo que iso da globalización ( meter nun saco ben grande para que todos fagan igual), un invento interesado. A Universalidade si é unha realizade, un desexo de verdadeira construcción dende as diferencias. O Mundo dos POBOS.Velaí. Pois ben...Lugo non debe, nin pode, sres do goberno da cidade, e cert@s veciñ@s, uns cantos,explicarse, nin vivirse, en español.Lugo ten idioma de identidade e debe ter iso si idiomas de relación, que servan de comunicación cós de fóra, pero...os da casa son espúreos? son de fóra? ( poida que vivan nas aforas, pero iso é honra e veciñanza, nada de menos por ser de estramuros, nada de nada. Adiante pois que Lugo faga soar o seu idioma de verdade, normalizándose, normalizando. E en vidas de honra e de xustiza. Equivocándose mesmo, que é humano, desta terra e reino, pero non metendo a man onde non se debe, non metendo a man...

http://lugo.cidadans.net/TERREBOREDO/2006/06/11/adiante-e-sen-perda-de-tempo/
1 Comentario - Enviar comentario

O DEZASETE NO RAÑEGO DE VILALBA

10/06/2006

Velaí que si, que moi ben. Que o día dezasete deste mes de xuño no muiño do Rañego en Vilalba de Lugo,Terra Cha de tantos e de diremos que de todos, convocados pola Fundación Manuel María e por Xermolos, tamén coa asistencia da nosa militancia en Galiza, celebraremos o nomeamento merecido de CHAIREGO DE HONRA para o poeta do mar e terra, sima-cima do voar do todo,BERNARDINO GRAÑA, Villar como así lle dicía con este chamo Manuel María ao noso homenaxeado.Tod@s quen poidan debesen estaren en Vilalba o dezasete ( sería ben avisarlle aos de Xermolos de Guitiriz , aos de Alfonso Blanco Torrado ou a outros do seu redor, chairegos honorabeis, como Mini, Mero, Xulio Xiz, Marica Campo,etc.).Bernardino Graña é merecente de tal distingo de honra pois os merecementos son tantos e tan fondos que xustifican calquera nomeamento ( aínda que así non parece entendelo a RAG que nin á de tres é quen de colocalo nun escano desa agora honrosa institución desta nosa nación do noso pobo...o do galego a mellor ser).Pois ben, seguimos, Bernardino Graña, mozo sempre, espilido enxeño, ricaz manantío de lingua nacional como bandeira definitoria que determina, debe estar no marabilloso ser dese coro oural de voces e conductas que conforman aos chairegos de honra.Non falo en entusiasmo de nomeamento, falo en equilíbrio de pertencer a un pobo que é nación, a Galiza, a cal mantén fill@s de variada existencia e tenos tamén excelentes, exemplares referentes, moi necesarios, para ir de camiño na esperanza da súa afirmación como de seu e de nós. Adiante chaireg@s...adiante amig@s e concorramos o dezasete na celebración obrigada, excelencia normalizada en nomeamento emerxente de BERNARDINO GRAÑA ( Villar) como CHAIREGO DE HONRA. Tod@s ao Rañego. Que non falte quen deba, que non falte quen ten que estar.

http://lugo.cidadans.net/TERREBOREDO/2006/06/10/o-dezasete-no-ranego-de-vilalba/
0 Comentarios - Enviar comentario
Valid XHTML 1.0
Valid CSS
Algunos derechos reservados
Algúns dereitos reservados