E a vós, Que vos parece?
21/08/2006
O Concello iniciou a contratación dun concurso de ideas para construír o Museo Interactivo
O deseño do edificio será o proposto polo finalista dos 5 mellores equipos de arquitectos que se presenten ó concurso.
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, anunciou que onte, fóra da orde do día da Xunta de Goberno Local, o equipo de goberno aprobou a contratación da redacción do proxecto de construcción do Museo Interactivo da cidade (MIHL) así como o gasto de adxudicación e o concurso de ideas. Mentres que un equipo dirixido pola prestixiosa investigadora Flavia Sparacino está a elaborar o contido interactivo do museo, a construcción do mesmo e da área de recepción de visitantes correrá a cargo do mellor estudo de arquitectura que gañe este concurso de ideas.
O obxectivo do equipo de goberno é dotar a Lugo de infraestruturas culturais que favorezan a difusión e promoción da nosa historia con dous obxectivos: aumentar a autoestima dos lucenses e consolidar a cidade como destino turístico en progresión. “Creo que facemos unha aposta para que Lugo teña algo que hai en moi poucas cidades de Europa. Lugo é pioneiro”, afirmou o Alcalde.
O Concello iniciou a contratación do concurso de ideas para a construcción do MIHL, que será un sinal de identidade do municipio. O concurso ten vocación internacional e será publicado no Diario Oficial das comunidades europeas. Contará con dúas fases. Unha primeira de libre concurrencia que rematará coa selección de 5 concursantes por unha mesa de contratación-xurado na que estarán presentes “membros do equipo de goberno, da oposición así como técnicos e especialistas da casa e de fóra”. Terán en conta os méritos dos candidatos. Tendo en conta a vocación internacional, o Alcalde espera “que haxa equipos estranxeiros para deixar aquí a súa impronta”. Na segunda fase invitarase ós seleccionados a presentar as súas propostas en Lugo para poder elixir ó gañador.
O Concello premiará economicamente ó finalista con 450.000 euros pero “o premio máis importante será que este arquitecto ou equipo de arquitectos será o encargado de materializar a obra, que non poderá sobrepasar os 4.020.000 euros”, explicou o presidente da Corporación. Os restantes finalistas recibirán 3.000 euros cada un polos gastos derivados dos seus anteproxectos.
Con respecto ós prazos, o Alcalde afirmou: “espero poder inaugurar o museo dentro de dous anos e medio”.
Servizos do museo
O museo apostará pola interactividade e as novas tecnoloxías. Para iso, o Alcalde apuntou a súa intención de asinar un convenio coa Universidade para ter un obradoiro no museo que permita actualizar as exposicións a medida que se vaian producindo cambios ou novos achádegos. Ademais dos contidos tecnolóxicos, o MIHL terá pezas reais procedentes das excavacións da cidade. O Alcalde adiantou que pedirán a outras administracións os obxectos que correspondan ou podan rotar polo museo e tamén amosarán as que xa son de propiedade municipal.
O proxecto de construcción do museo contempla: a urbanización do entorno, un aparcamento para 20 autobuses e 200 coches, zona de esparexemento coa finalidade de acoller a grupos escolares e visitantes, unha zona museística de 1.150 metros cadrados, un espazo introdutorio á exposición de 100 metros cadrados, unha área principal de exposición de 750 metros cadrados, sala de exposicións temporais de 300, centro de recepción de visitantes de 500 metros cadrados –con tenda, cafetería, zona de información, gardarroupa...-, zona de servizos técnicos de 350 metros cadrados, etc.
Na zona norte
O Concello conseguiu 6 millóns de euros do Ministerio de Industria para facer o Museo nunha parcela de 11.300 metros cadrados no Parque da Milagrosa, ó carón do polideportivo que está a piques de rematar. A parcela pertencía ó antigo matadoiro de Frigsa e á fábrica de pensos UTECO pero o Concello fíxose con estes terreos. Eles acollerán o MIHL e “non foi polo azar”, dixo o Alcalde, senón “para equilibrar a cidade, completar as dotacións do norte e do Parque da Milagrosa e demostrar que as dotacións non deben estar única e exclusivamente nunha zona”.
Ademais o Alcalde avanzou que conseguiu recentemente máis financiamento da Dirección Xeral de Bellas Artes do Ministerio de Cultura: “teño o compromiso do Director Xeral de aportar unha partida importante para o financiamento deste museo que estará reflectida nos orzamentos do ano que vén”. O Concello tamén conta con, aproximadamente, 600.000 euros do convenio con Erosmer.
Actuación de Touriño
O Alcalde saiu ó paso das críticas do Partido Popular sobre a actuación do Presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, na xestión da crise dos incendios.
Orozco defendeu que “Touriño cumpriu co seu deber”. Relatou cómo “por casualidade e vecindade, fun testigo de excepción do traballo que realizou o señor Presidente da Xunta de Galicia”. O Alcalde explicou que “o Presidente non estivo ó sol e botándose bronceador” e engadiu que “todo aquel que diga o contrario minte coas maiores palabras. O señor Presidente estivo desde o primeiro día dedicado a isto, como é o seu traballo”.
FONTE: http://www.lugo.es/concello/noticia.asp?s=2&id=4892