Lugo Castellano  Galego  

lugoworld

¡Lugo, érguete e anda!

¿Entramos no futuro?

05/01/2008

Lugo é unha cidade con moitos trazos que a singularizan dentro do sistema de entidades urbanas do noso país. Existimos, madia leva. Quizá os lucenses non estamos afeitos dabondo a reflexionar sobre o que somos e sería bo para o noso devir que o fixéramos con máis asiduidade.
Os pobos en xeral e as cidades, en canto concrecións súas, posúen unha alma que se plasma en sicoloxías colectivas susceptibles de ser exploradas polos propios membros da comunidade ou polos alleos. Así, se prestamos atención o que se dixo no pasado de nós, atoparémonos cunha ristra de tópicos como que somos xente acolledora, afable, sinxela, traballadora, pero tamén bruta de coidado, pouco refinada, demasiado rural e chovinista en exceso. Como é natural , soemos complacernos cos primeiros e desacougarnos cos segundos. Sen embargo esta maneira de etiquetarse uns pobos a outros móvese dentro dos vieiros do máis puro folklorismo e non me interesan. O que sí desexaría sería captar as liñas mestras que configuran o ser da miña cidade e probar o seu grao de adecuación á construcción do noso futuro.
Permitídeme hoxe fixarme só nun aspecto que, segundo o meu modesto modo de ver, nos define ou nos ten definido . É doado de ver que somos unha cidade onde ideas borbollan con facilidade. Xorden a cada paso moitos e excelentes proxectos para mellorar a realidade. Detéctanse rapidamente as necesidades e non tardan en perxeñarse as solucións. Xenial. Pero o que vén a continuación xa non o é tanto, posto que, como cómpre recoñecer, unha parte dos proxectos acaban arrombados no cesto dos papeis ou arredados en desesperantes vías de incertidume .
Semella que en momentos decisivos perdemos a fe en nós mesmos esomos proclives ó desánimo, ou menos combativos do que nos conviría. Quizá sexa este o momento de superar vellos complexos, baixa estima e saír dun prolongado sono romano, para encarar os novos tempos como unha cidade dinámica, emprendedora e moderna.
Un exame frío e rigoroso da realidade en que estamos inmersos levaranos a unha prospección de futuro prometedora.
Para empezar, Lugo é unha cidade que conta cunha posición xeográfica estratéxica (factor que xa lle deu primacía na época romana) que se irá poñendo cada vez máis en valor a medida que vaia tomando corpo o novo mapa de infraestucturas viarias e de transporte. Por outra banda, somos unha capital asentada nunha provincia eminentemente rural, cun sector primario de tres vectores (lácteo, forestal e pesqueiro) que apuntan cada vez máis alto dentro da economía estatal e están chamados a desempeñar un papel relevante na construcción e expansión da nova Unión Europea. Por se isto fora pouco asistimos á consolidadción de proxectos empresariais que nos fan contemplar tamén con optmismo o futuro da industria local; empeza a haber fe no explotación das materias primas propias e movemento para crear valor engadido.
Como remate fixémonos no pulo demográfico que está a experimentar a nosa cidade, por diante incluso doutras galegas de maior renome.
Con todo este potencial e coa capacidade e xenerosidade da súa xente, Lugo pode esar abrindo as portas dun importante renacer.
Outro día deixaremos as esferas da teorización e voaremos un pouco máis baixo.
don Perseo

http://lugo.cidadans.net/donperseo/2008/01/05/entramos-no-futuro/
0 Comentarios - Enviar comentario
Valid XHTML 1.0
Valid CSS
Algunos derechos reservados
Algúns dereitos reservados