Lugo Castellano  Galego  

A NOGUEIRA

DI SI OU NON

ocatorcedeagostoocatorcedeagostoocatorce...

01/08/2006

O catorce de agosto tal e como reza no título desta vez, aló estaremos de mañá, ás once, na PARADA DE TAXIS DE PALAS DE REI DE LUGO, para de seguido irmos ao sítio onde apareceron nesta data o ano 36 os corpos paseados ( asasinados vilmente e inxustamente, vinganza incluída) de CAMILO DÍAZ VALIÑO ( pai de Isaac Díaz Pardo) e o corpo de SIXTO AGUIRRE ( Sixto de Rianxo, estudante de mediciña en Compostela). Seica que con eles ía outro pero este na noite foi rápido e gabeou polo monte e salvou da queima, da " vendima" como dicían os vellos galeguistas ( acusados eles de seren roxos e separatistas polas forzas vivas que se dicían " españoles" e abofé que o foron, forzas vivas, pois os outros...matáronos, pero son verdadeiras forzas vivas na nosa memoria activa e colectiva e para sempre).Pois ben, en Palas recibiranos o amigo Xesús, o patriota Xesús, o irmán Xesús...e logo a Saa, ao lugar de oración, pensamento, canto e poesía.Presenza nosa, galega de nación e de pobo.Máis que nunca para que nunca máis se rouben vidas implorando ou proclamando ideas que soamente acollen aos privilexios duns poucos ( a golpe de estado).PAZ E XUSTIZA para os noso mártires.Perdón si...OLVIDO...NUNCA MÁIS.

http://lugo.cidadans.net/erconda/2006/08/01/ocatorcedeagostoocatorcedeagostoocatorce/
1 Comentario - Enviar comentario

ISAAC DÍAZ PARDO ISAAC DÍAZ PARDO ISAAC DÍAZ PARDO

10/07/2006

Aló por terras da costa lucense, con caolíns de primeira, está SARGADELOS e tamén por terras de Sada, Samoedo, temos O CASTRO.Velaí dúas factorias de país e de humanismo cultural, militante na Galiza nación. Velaí que os seus productos, obras de sensibilidade galega netamente, onde se demostra a todas luces a posibilidade da valía dos nosos recursos e da nosa mediación empresarial, humana e intelectual,preséntanse no mundo con orgullo e modélica autenticidade baseada na cualidade exquisita das persoas que os posibilitan a cada hora de cada día dos nosos anos. Velaí sen dúbida algunha unha verdadeira aportación a un anunciado que nos debese obrigar a mellorar, GALICIA CALIDADE, Galicia...calidade... E entre os moitos productores, fabricantes, xeradores, desa marabilla mostra do que se debe facer nun país de seu e para o mundo, está presente un, paradigma absoluto de que e como, chamado en honra e gloria nosa ISAAC DÍAZ PARDO a quen, en patrañas de leis manexabeis, trampas e recursos pouco por aclarar aínda, poñen na rúa das súas creacións e ao parecer sen moitos dereitos, dise, a que sexa restaurado no que sempre foi lider e cabeza pensante, visibel e norma executoria non unívoca e si consensuada.Pois ben, con máis de cincuenta anos a traballar por e para este país, sen que iso sexa algo inmóbil, agora un grupo económico en base a non se sabe aínda que alianzas e pactos de suposta " trapallada" legal, van e poñen a DON ISAAC DÍAZ PARDO na rúa dos sen atribucións decisorias nas anteditas empresas e con el outro tanto cos seus de máis cerca e derredor.Velaí a tocata en desafino. Velaí a partitura mal lida, peor interpretada, e nós, GALIZA ENTEIRA, non podemos quedarnos coma se nada , sen intervir e sen deixar clara a nosa posición, opinión, parecer ou manifestación, a de sentir o que está pasando e esixir luz e xustiza, visión humana e humanizada, comprensiva e contextualizada, a respeito da figura e do que representa e conleva a súa obra na egrexia figura nosa de ISAAC DÍAZ PARDO, señor de ben e home EXEMPLAR, BO E XENEROSO como onte así o definiu Anisia Miranda, tamén Neira Vilas e os da Quenlla, na Solaina da aldea de Piloño en As Cruces onde lle outorgaron a medalla desa institución tan integradora e asemade outro tanto nós todos, os alí presentes que concordamos en todo - sobre todo BO E XENEROSO- sen mover diso unha soa letra, unha soa palla, nin un só concepto. Quede aquí ao dispor dos que me lean nesta galería de portas abertas... a miña absoluta adhesión a ISAAC DÍAZ PARDO e asemade a manifestación de que por moitas razóns legais que haxa nisto, el nunca debe saír desta maneira - en malas formas - do CASTRO E SARGADELOS, pois son obra colectiva e exemplar á que con tanta entrega se deu a realizalas. Nada xustifica o proceder dos señores " socios" ou "accionistas" a respeito dos DÍAZ e outros, DON ISAAC COMO REFERENTE INMEDIATO. Aquí quede a miña fonda solidariedade para con eles. Aínda teño no meu máis profundo sentir o sabor acariñado, xesto de honra e aprezo, no abrazo que onte recibín del, de DON ISAAC DÍAZ PARDO, mestre e compañeiro, orientador, BO E XENEROSO.

http://lugo.cidadans.net/erconda/2006/07/10/isaac-diaz-pardo-isaac-diaz-pardo-isaac-diaz-pa-1/
0 Comentarios - Enviar comentario

FERNANDO PÉREZ DE SARRIA EN PONTEVEDRA

26/06/2006

E foi así tal cal...Fernando foise e moi ao seu pesar dende logo.Penso que el non escolleu data pois estaba metido en moito facer a prol deste pobo seu e meu ( NOSO), O POBO DO GALEGO ao que el moi especialmente quería de tal maneira que lle ofreceu todo o máis esencial de quen el era. Lino, nunha nota de C. Adán, en A NOSA TERRA xustamente o venres ás doce do mediodía que é cando a recibo na miña casa e dinme por enterado, por sabido tristemente. Saben? Eu non coñecía de hai moito a Fernando, non hai moito máis de un mes, dende maio no eirado de Rosalía Castro en Padrón e non en/por " feiras e festas" e si nun dos actos de ano máis importantes da Patria que é o da entrega dos Pedróns, sexan o de Ouro ou o de Honra ( por se non o saben, que moitos que non teñan empanada na cabeza non o saberán... nin lles importará un pito), os cales, PEDRÓNS, recaeron nesta edición na AULA CASTELAO DE FILOSOFÍA de Pontevedra e no poeta ( ex-voz ceibe de voces ceibes) VICENTE ARAGUAS ( de Neda e residente en Madrid), pois ben alí no eirado da Excelsa ( excelentísima e dignísima) Dona Rosalía Castro de Murguía contactei en persoa con Fernando e menudo contacto foi, pois quedei impresionado del todo en unidade de coherencia absoluta. Non estaba diante dun figurín, nin dun simple " pintagrilos do carallo", dun calquera " amamonado de chupa e corre que vén xente e non valla ser que ao baixarme se me vexa", non... estaba diante dun auténtico, dun patriota de cerne e de peito aberto, de estrela de liberdade, disposto a loitar loitando, dos de agardar andando, como dicía Alexandre Bóveda e non tiña diante a un peito acaído para colocar nel medallas ou inmerecidas cintas gubernamentais outorgadas polo neoliberalismo imperante e imperial, non... Fernando era un " aloitador" con causa e por causa ( dos que soben ao pobo e non o utilizan para subir ás súas pretensións) e tamén si que si... que Fernando non recuaba doadamente pois o seu ideario era comprensivo na medida exacta de se facer extensivo. Non era un "falabarato" - de discursos florais- deses dos que andan ao uso sobre todo por festas de gardar. Fernando tiña proxecto e cabeza. El podía tomar " aspirinas", pois outros maréanse ao tomalas, pois as súas cabesiña...andan á perdición. Fernando Pérez foi dos que me impresionaron coa súa presenza e despois co seu discurso coherente non lido e si saído do fondo del ( que non dos pés), do seu corazón e dos sentimentos, casando así todo en ser e en estar e iso é imparabel. Mesmo na súa memoria e exemplo, as cales dúas cousas nel xa son inmedibeis e inmorrentes.Xa nos pertencen de por vida para saber sermos ( galegos do Pobo do Galego) e onde estarmos ( no Pobo do Galego de Galiza). Algunhas persoas impresionáronme e delas aprendín moito. Unha por caso foilles Telesforo Monzón e tamén houbo outras como Peio Dorronsoro e Mikel Auzmendi, Bandrés Molet ( Txe Marí), Vázquez Montalbán ( 1ª época), Alexandre Bóveda, Castelao, Lois Tobío, Elixio de Bande ( " matádeo mañá"),Isaac Díaz Pardo, Xoán Ledo ( falecido de pouco), Lidia Senra, Ferrín, Moncho Reboiras, Antón de Troáns, X.M. Beiras, Alfonso Torrado, Mini e Mero ( da Quenlla)...e algúns outros máis, pero direi que entre elas moi en especial unha das que me impresionou foi Fernando Pérez de Sarria en Pontevedra e en Galiza por sempre en todos nós ( digo amén e repito... amén). O martes día 27 de xuño recibirá homenaxe de gratitude solidaria e de amor pátrio na Praza do Teucro en Pontevedra ( será ás oito da tarde). Verémonos alí e veremos, si, veremos...

http://lugo.cidadans.net/erconda/2006/06/26/fernando-perez-de-sarria-en-pontevedra/
2 Comentarios - Enviar comentario

VAI DE EMPANADA PARA COMEZAR

23/06/2006

Cantos coñecen o sabor especialísimo que nos da unha empanada de papuxas? E unha de "anguilachos"? Está claro que para comer, que non para "tragar",... Lugo. Que tamén unha cousa é ser bebedor de viño e outra é ser borracho, pois o viño é para gustar. O viño é un mollo valorado da palabra do idioma que o nomea. O mesmo que o son é para gusto e sabor de tantos esas marabillas que nacen das nosas cociñas de leña e dos fornos e das grellas e...Uf! Todo un monto de amoroso traballo feita arte que poñer na mesa para re-vivir e de-gustar de por sermos. Alguén dos que andan por aquí probou as empanadas da panadería " La Luna" de Monforte? Alguén disfrutou da exquisitez dos pasteis "Da Pementa"? ( seica que llelos mandaban ao " funeralísimo")E digo... el saberíanlle ben? E non me refiro, que non, ás mans artístico-artesáns, acariñadoras de tanto, que os elaboraban finamente, senón que me refiro ás "papilas linguais" do que os probaba alí en El Pardo. A verdade é que aínda queda (e haina nova) moita caste funeral-funeraria que se referencian no golfista da Zapateira, á quen ben lles gustaría que isto se volvese como un circo cheo de escravos que entoasen salmos aos privilexios para uns poucos. Abofé que si é. Xa o verán.

http://lugo.cidadans.net/erconda/2006/06/23/vai-de-empanada-para-comezar/
0 Comentarios - Enviar comentario
Valid XHTML 1.0
Valid CSS
Algunos derechos reservados
Algúns dereitos reservados